Saturday 11 de May de 2024

A Banda de Música Municipal grava un novo concerto a porta pechada no Pazo da Ópera


Ante a imposibilidade de ter público, a formación compartirá o seu directo a través das súas canles de comunicación oficiais co fin de que a veciñanza siga desfrutando das agrupacións musicais da cidade

A Banda de Música Municipal deu esta tarde, ás 18.30 horas, un concerto sen público no Pazo da Ópera, que foi gravado para posteriormente ser compartido nas súas canles de comunicación oficiais. Con David Fiuza como director invitado, a formación ofreceu un programa titulado “Paisaxes sonoras exóticas”, que incluirá as obras “American Suite”, de Antonin Dvora; “An American in Paris”, de George Gershwin; “Serge”, de LANCEN; e “Paris Montmatre”, de Toshio Mashima.

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, asistiu a esta actuación e explicou que “ante a imposibilidade de que as espectadoras e espectadores poidan desfrutar do seu directo, o Concello quere construír unha cuarta parede virtual para que a veciñanza teña a opción de velo, aínda que sexa a través do ordenador ou do móbil”.